Tuesday 14 de May de 2024

Cifra histórica de visitas durante o mes de xuño no Castelo de Vimianzo


O Concello de Vimianzo destaca a gran afluencia de visitantes que tivo o Castelo de Vimianzo durante o mes de xuño.
Concretamente, casi un milleiro de persoas acudiron ás súas instalacións, algo que desde a área de Turismo sinalan como ‘cifra histórica, pese a non poder estar abertos ata o pasado día 5 de xuño’.
A pesar do estado de alarma e das restricións ocasionadas no sector, o Castelo de Vimianzo segue funcionando como un foco de grande atractivo turístico para os visitantes que se achegan á Costa da Morte.
De feito, este pasado mes de xuño rexistrou unha das cifras máis altas das que se teñen constancia no referido a número de visitantes que fan a visita por libre, é dicir, con familia ou amigos. E todo isto malia que estivo pechado ata a mañá do día 5 do pasado mes, no que a alcaldesa Mónica Rodríguez
presidiu o acto de reapertura xunto aos artesáns que a diario traballan no castelo.
Tanto é así, que o pasado mes estival pasaron polo castelo 938 visitantes, cifra só superada no verán do 2016. A única eiva foi que durante este mes non se admitía a presenza de grupos organizados en excursións e viaxes, o que reduciu o número total de visitantes se o comparamos cas cifras anteriores á
pandemia. Desta volta, as visitas organizadas por empresas maioristas, a visita de escolares ou mesmo do turismo social tiveron que ser anuladas por causa da alerta sanitaria.
De entre todos os visitantes foron maioría os procedentes da propia comunidade, un 72% dos turistas, sobre todo porque non se permitiron os desprazamentos entre comunidades ata ben entrado o mes. E o máis habitual foron os visitantes que se achegaron á fortaleza vimiancesa en parella, supoñendo un 46% do total, seguidos por familias nun 33% e grupos de amigos nun 13%.
Dende a fortaleza agradecen, en nome de todos os traballadores do Castelo de Vimianzo, o bo comportamento dos visitantes, xa que todos cumpriron cas normas impostas para a visita, co uso continuado de máscara e ca visita seguindo o itinerario recomendado.